Saturday 20 de April de 2024

A Asociación Cultural Inquedanzas organiza o 27 de abril en Ordes unha mesa redonda sobre a revolución portuguesa e a súa influencia na transición española


 

Asistirán o almirante Martíns Guerreiro e o coronel Xosé Fortes, que serán moderados por Antonio Campos Romay, ex deputado no Parlamento de Galicia

A Asociación Cultural Inquedanzas (Ordes) organiza o vindeiro sábado 27 de abril unha mesa redonda sobre a Revolución dos Caraveis portuguesa e a súa influencia na transición española. Unha xornada que terá lugar ás 20:30 horas no Museo do Traxe Juanjo Liñares de Ordes. A entrada é libre e de balde, ata completar aforo.

Os relatores serán o almirante Martíns Guerreiro e o coronel Xosé Fortes, actuando como moderador Antonio Campos Romay, ex deputado no Parlamento de Galicia e ex tenente de alcalde da Coruña. O almirante Martíns Guerreiro falará sobre “O 25 de abril e a revolución portuguesa”, onde analizará as motivacións do golpe de estado que acabou coa ditadura salazarista en Portugal. Así mesmo, recordará as distintas fases da revolución entre o 25 de abril e o 25 de novembro que remataron coa conquista das “3 Des”: democratizar, descolonizar e desenvolver.

Pola súa banda, o coronel Xosé Fortes disertará sobre “A influencia da Revolución portuguesa na transición española”. Como membro fundador da Unión Militar Democrática (UMD), Fortes explicará as influencias que esta organización militar clandestina española tivo do Movemento das Forzas Armadas (MFA) en Portugal. O poñente lembrará as detencións do verán de 1975 e o Consello de Guerra á cabeza da UMD, así como o seu papel para democratizar as Forzas Armadas e derrocar á ditadura.

Poñentes

Manuel Martíns Guerreiro naceu en 1940 nun pobo do Algarbe (Sâo Brás de Alportel) e cursou o bacharelato en Faro. Aos 18 anos ingresou na Academia Naval, sendo o número un da súa promoción. Tomou parte activa na preparación e execución da chamada Revolución dos Caraveis, que acabaría coa ditadura salazarista en Portugal.

Tamén tomou parte no proceso revolucionario como membro do Consello da Revoluçâo, do que foi integrante dende a súa constitución ata a súa disolución. Defensor activo dos dereitos humanos e a xustiza social foi, segundo os seus compañeiros, un revolucionario antes da Revolución.

Xosé Fortes Bouzán naceu en Cotobade (Pontevedra), cidade na que estudaría o bacharelato. Cursou estudos militares nas Academias de Zaragoza e Toledo e licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Membro fundador da UMD, en xullo de 1975 foi detido, procesado, condenado a catro anos de prisión e expulsado del Exército. Sería amnistiado en 1976, reincorporándose ás Forzas Armadas co grado de Coronel, pasando á Reserva.

Autor dun amplo catálogo bibliográfico, entre as súas obras militares destacan: ¿Qué son las Fuerzas Armadas?, La Gaya Ciencia 1977; Proceso a nueve militares demócratas: Las Fuerzas Armadas y la UMD, Argos Vergara 1986, e un relato autobiográfico Cuando las derrotas otorgan la victoria: Batallas perdidas de un capitán de la UMD, Destino 2009. Entre as súas múltiples obras de carácter histórico merecen resaltarse: La Ría de Pontevedra, Terra de Cotobade, Pontevedra: Burgo, Villa, Capital e Historia de la ciudad de Pontevedra, editada pola Biblioteca Galega de La Voz de Galicia.